O Val de XestosoUnha paisaxe viva
O Val de Xestoso é un dos vales gandeiros do Concello de Monfero. Situado na zona de montaña do Parque Natural das Fragas do Eume, neste val atopamos as paisaxes máis auténticas da Galicia rural. Grandes prados rodeados de sebes, frondosas fragas e numerosos regatos, fan da nosa parroquia unha paraxe fermosa para gozar da natureza.
Rodeado da Serra da Loba, linde natural das provincias da Coruña e de Lugo, desde onde se pode contemplar unhas amplas vistas do territorio e de Pena Fesa, o punto máis alto do concello con 712m, o Val de Xestoso ten como arteria principal o río Frai Bermuz, principal afluente do Eume, en cuxas ribeiras se manteñen unhas das fragas máis frondosas e virxes. No noso Val, cun sector primario vivo, poderás ver de primeira man o traballo tradicional e probar os exquisitos produtos da zona onde o rei por excelencia é o grelo autóctono.